domingo, 10 de julio de 2016

Retorno.

Deixar o lugar que nos viu nacer sempre é difícil, pero máis difícil é voltar a el...

E alí estaba ela, de pé ante os negros barrotes daquela impoñente finca. Despois de cinco anos aínda non sabía se estaba preparada para combatir aquelo que noutro tempo a fixera saír dese lugar. Tería valor para enfrontarse á súa familia, a súa esencia e ao que realmente era? Tiña claro que fuxir non era a solución: os demos que levaba consigo dende nena perseguíana alá onde fose, polo que Eila debía atallar o problema dende a raíz. Non traía equipaxe, só as múltiples vivenzas que neste tempo lle ensinaran a ver o mundo con outros ollos. Todas as persoas, todos os consellos, todos os perigros e tamén todas as lembranzas felices que lle daban a forza necesaria para estar onde estaba agora. Aprendera a aceptarse a si mesma, e a usar o seu don para facer o ben, cousa que, por desgraza, moitos membros da súa temida familia non compartían. 

Eila suspirou, agarrou ao seu cabalo das riendas e atouno a uns pasos más alá da verxa, onde comezaba o muro de pedra. Despois, collendo todo o aire que puido no seu peito, pousou as súas mans sobre os pesados barrotes de ferro que conformaban aquela porta. O contacto co frío material lembroulle o que lle esperaba nas próximas horas, e repetiuse a ela mesma que estaba preparada. Contou ata tres e empurrou con forza. A vella porta abriuse en medio de agudos ruídos, cortando o silencio do luscofusco. A rapaza sabía que ainda quedaba outra barreira que pasar, polo que decidiu non demorarse moito e comezar a subir o carreiro que conducía á impoñente mansión, situada na cima da colina. Uns metros máis alá, comezando xa a pendente do camiño, Eila observou que o aire que quedaba entre ela e a ladeira volvíase máis turbio, difuminando a paisaxe que tiña diante dos ollos. Instintivamente, sacou o colgante que levaba ao pescozo: dous dragóns engarzados rodeando unha cruz invertida. A rapaza colocou o colgante na palma da súa man e estendeu o brazo cara adiante. Pechou os ollos, e despois duns segundos, comezou a notar cómo o colgante se quentaba pouco a pouco. Queimáballe a man, pero ela apretou os dentes e concentrou toda a súa enerxía na barreira. A corrente de poder do muro invisible expandíase polo seu corpo, o que fixo que Eila berrara de dor. Xa case cas lágrimas nos ollos, un fogonazo de luz branca acompañada dunha ráfaga de vento deixouna inconsciente.

Cando espertou, ca respiración entrecortada e aínda co colgante na man, estaba ao pé da mansión, e xa non había volta atrás...

No hay comentarios:

Publicar un comentario